CENTOS DE VECIÑOS DE ARZÚA BENEFICIARANSE DA NOVA LEI DO SOLO PUBLICADA HOXE NO DOG. PARA MATERIALIZALA O CONCELLO DEBERÁ ADAPTAR O PLAN AO NOVO TEXTO. PROPIETARIOS E VECIÑOS INSTAN CELERIDADE NO PROCESO DE ADAPTACIÓN UNHA VEZ ENTRE EN VIGOR O DÍA 21 DE ABRIL.

  • Ao longo da vindeira semana o texto consolidado da Lei estará a disposición na web da Xunta de Galicia
  • Os piares deste novo documento son a potenciación da colaboración da Xunta de Galicia cos concellos en materia urbanística, para facilitar e simplificar a elaboración dos planeamentos municipais, unha implicación que é extensiva a outras normas e plans de incidencia na definición do modelo territorial
  • Con este novo texto legal acádase unha maior cooperación dos distintos departamentos autonómicos no proceso de documentación e de información, e deste xeito evítase a duplicidade de tramitacións administrativas
  • Unha das novidades que achega esta norma é a redución da tramitación autonómica dos plans para lograr unha maior eficacia, polo que se prevé acurtar de tres a dous meses (un 33,33% menos) os prazos das sucesivas intervencións autonómicas no procedemento de aprobación

Santiago, 31 de marzo de 2010.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a modificación da Lei do Solo, polo que a nova normativa entrará en vigor dentro de 20 días naturais a contar dende mañá, é dicir, o vindeiro día 21 de abril. Ao longo da vindeira semana o texto consolidado da Lei estará a disposición na web da Xunta de Galicia.

Este texto contribuirá a delimitar urbanisticamente preto de 30.000 entidades singulares de poboación existentes no rural galego, sobre todo os máis de 10.200 núcleos que teñen un mínimo de 10 edificacións, agrupación a partir da que se delimita o concepto de núcleo de poboación segundo as Normas Subsidiarias de Planeamento das catro provincias de Galicia.

O novo documento ten como eixes fundamentais a potenciación da colaboración da Xunta de Galicia cos concellos en materia urbanística, para facilitar e simplificar a elaboración dos planeamentos municipais. Outra das finalidades é darlle resposta á problemática derivada dos núcleos rurais e a regulación do solo rústico, tratando de axustarse á realidade rural de Galicia.

Este texto conta cun amplo acordo e consenso. Foi enviado á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), aos grupos parlamentarios, ao Consello Económico e Social e ás diversas asociacións e entidades relacionadas co seu ámbito de aplicación. Ademais, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo,  e o presidente da FEGAMP, Carlos Fernández, asinaron un acordo institucional polo urbanismo no mes de setembro, para a modificación da Lei do Solo.

As novidades que se introducen

A experiencia adquirida durante anos de vixencia deste modelo puxo de manifesto a necesidade de reformular determinados aspectos, co fin de avanzar cara unha ordenación de solo rústico máis consecuente coa natureza do medio rural como medio produtivo, e dar resposta as inquedanzas municipais xeradas en relación co urbanismo. Os cambios que se introduciron permiten unha maior integración dos procedementos, a súa simplificación e avanzar na tramitación do plan urbanístico nuns prazos máis racionais.

A modo de exemplo, unha das novidades que achega este texto legal é a redución da tramitación autonómica dos plans -na liña de lograr unha maior eficacia-, xa que se prevé acurtar de tres a dous meses (un 33,33% menos) os prazos das sucesivas intervencións autonómicas no procedemento de aprobación, agás no caso da aprobación definitiva do Plans Xerais que se mantén en tres meses.

Coa modificación tamén se potencia unha maior axilidade no outorgamento de licenzas en solo rústico para obras maiores –aquelas que requiren proxecto técnico completo-, polo que o tempo máximo de concesión de licenza reducirase nun 60%. Isto será factible ao manterse unicamente os tres meses de prazo municipal, eliminarse os tres meses necesarios para a autorización autonómica, e reducirse o tempo de envío da solicitude e o traslado do acordo de autorización.

Na concesión de licenzas para obras menores –aquelas de escasa entidade construtiva e económica- apreciase unha maior redución, xa que o tempo máximo de concesión de licenza se acurta nun 80%. As causas deste acurte de prazos débese a que unicamente se mantén o prazo municipal dun mes, elimínanse os tres meses de prazo autonómico e o tempo preciso para os trámites de petición e traslado.

Con esta Lei tamén se incide nunha maior cooperación dos distintos departamentos autonómicos no proceso de documentación e de información, que se debe achegar aos concellos para a redacción dos seus instrumentos de ordenación e, en consecuencia, evítase a duplicidade de tramitacións administrativas.

Por outra banda, a avaliación ambiental pasa a constituír parte do propio contido dos instrumentos de ordenación urbanística, tramitándose de forma unitaria, e refórzase a cooperación dos distintos departamentos autonómicos no proceso de documentación e información para a redacción dos instrumentos de ordenación.

Novos núcleos rurais

O novo documento normativo tamén adecúa o contido da Lei á realidade do asentamento da poboación no medio rural de Galicia. Nese senso, faise unha definición de núcleo rural que recolle todos os tipos de agrupacións que ata o de agora carecen dunha regulación específica. Con esta medida, rómpese coas formulacións anteriores, que impedía a posibilidade de delimitacións que desen resposta ás necesidades de crecemento e desenvolvemento dos asentamentos rurais. Coa formulación anterior inviabilizábanse os plans xerais da maior parte dos municipios, nos que o asentamento predominante é o rural.

A lei de ordenación indica que serán os propios plans xerais os que establecerán o réxime urbanístico dos núcleos rurais, polo que se recupera o protagonismo dos plans xerais, para establecer a ordenación detallada dos núcleos rurais e prever o alcance e os termos das actuacións de carácter integral neles.

Este documento fixa catro tipos posibles de núcleos rurais nos plans xerais municipais: núcleo rural histórico tradicional, que recolle o carácter esencial o núcleo rural que mantiña a Lei; núcleo rural consolidado; limitado polo grao de consolidación da edificación que será igual ou superior ao 50% da superficie; núcleo rural non consolidado, neste caso o grao de consolidación da edificación sitúase entre un 33 e 50%; e núcleo rural complexo, caracterizado pola concorrencia e compatibilidade de características propias do núcleo tradicional e de calquera dos outros dous contemplados.

No texto tamén se recupera o Plan Especial de Ordenación de Núcleo Rural que, formulado e aprobado pola administración local, terá unhas funcións de apoio e desenvolvemento do plan xeral no solo de núcleo rural análogas ás que os Plans Especiais de Reforma Interior (PERI) manteñen no solo urbano consolidado. Cando este plan especial se formulen cun contido limitado, a súa tramitación tamén se axustará a un procedemento máis sinxelo, similar ao previsto para a aprobación dos estudos de detalle.

Por último, no ámbito dos núcleos rurais avánzase nunha maior incidencia na protección e recuperación de elementos característicos da arquitectura rural e na conservación da morfoloxía dos núcleos históricos tradicionais, da súa estrutura parcelaria histórica e dos seus usos tradicionais, que se fan obxecto dun planeamento especial de estrita natureza protectora

Xustificación

Un total de 247 concellos de Galicia –practicamente o 80% do total- están nalgunha fase de tramitación de planeamento municipal, algúns deles desde fai preto de 30 anos. Ademais, só 39 entidades municipais galegas das 315 existentes (un 12%) dispoñen de Plan Xeral de Ordenación Municipal adaptados ao marco legal que establece a Lei 9/2002. Outro dato significativo e máis grave é o feito de que 66 concellos (máis dun 20%) carecen actualmente de calquera instrumento de planeamento. Estas circunstancias son unha das razóns que levaron ao Goberno actual a acometer unha modificación lexislativa urxente da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (Lei 9/2002).

Anuncios
Published in: on 31 marzo, 2010 at 19:38  Dejar un comentario  
Tags:

The URI to TrackBack this entry is: https://armandocascon.wordpress.com/2010/03/31/ultima-hora-centos-de-vecinos-de-arzua-beneficiaranse-da-nova-lei-do-solo-da-xunta-de-galicia-para-materializala-o-concello-debera-adaptar-o-plan-ao-novo-texto-propietarios-e-vecinos-instan-celerid/trackback/

RSS feed for comments on this post.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: